Asteleiros Catoira

 

desde 1920 fabricando, reparando e mantendo embarcacións

 

ESTALEIROS CATOIRA

A nosa empresa, “Astaleiros Catoira”, comezou a súa andadura alá polo ano 1915, coa fundación dun pequeno estaleiro por parte do noso avó, D. Xosé Ramón Collazo Tubío. Dito estaleiro estaba situado na enseada do Castillo, en Rianxo. Dita ubicación non mudaría ata 1989, ano no que, debido ao recheo destes terreos, se tivo que construír unha nova nave na zona portuaria de Rianxo, ubicación que se mantén a día de hoxe.

Aínda que nun principio só participaban nesta empresa o noso avó xunto con catro carpinteiros do pobo, moitos dos mellores carpinteiros da bisbarra formáronse neste estaleiro, chegando máis adiante a independizarse e ter a súa propia empresa.

O tipo de embarcacións que se facían neste estaleiro variaban en función das necesidades dos armadores, podendo tratarse de embarcacións de pequeno porte como racús, lanchas xeiteiras, burriños, etc., ou de maior medida como balandros de dous mastros ou pailebotes, utilizados para o transporte de mercadorías.

Unha nova xeración comeza a finais dos anos corenta, coa incorporación do noso pai, D. Manuel Collazo Dieste, que tivo que pórse ao fronte do estaleiro debido ao falecemento do noso avó.

Nesta nova etapa, o noso pai continuou a actividade do estaleiro, incorporando pouco a pouco pequenos adiantos que ían xurdindo neste tipo de actividade. Así, a chegada da primeira cepilladora e da serra eléctrica, a mediados dos anos sesenta, convertíase nunha autentica revolución neste sector.

Con isto e axudado por un cadro de persoal que chegou a ser de dezaoito persoas, construíron innumerables embarcacións, sendo unha das primeiras a “Santa Elena”, que construíron para a empresa conserveira Escurís. Deste estaleiro saíron numerosas embarcacións de todos os tipos, barcos de pesca de baixura, barcos de cerco e, coa implantación das primeiras bateas de mexillón, xurdiu un nicho de traballo de barcos auxiliares de acuicultura que chegou ata o día de hoxe.

Como embarcacións máis representativas desta andadura podemos destacar o barco cerqueiro “Manilo”, construído para Riveira en 1970, de 19 metros de eslora, 5 de manga e 2 de puntal.

A embarcación de maior porte construída nesta etapa foi un barco draga areeiro, o “Encarna Segundo”, que faenaba nos lombos do río Ulla. Tiña 25 metros de eslora, 8 de manga e 2,20 de puntal e chegaba a cargar ata 150 toneladas de area entre as dúas torvas metálicas das que dispuña.

A última etapa, que conforma a terceira xeración dos Asteleiros Catoira, está liderada polos irmáns Ramón e Manuel Collazo Mosquera. Comezou esta andadura en abril de 1997, coa constitución da empresa “Herederos de Manuel Collazo Dieste, C.B.”, e coñecida comercialmente como Asteleiros Catoira.

A súa actividade vense desenvolvendo na nave anteriormente citada así como noutra adxacente, adquirida en 1996 como ampliación do negocio.

Cada unha destas naves dispón dunha zona cuberta de 20 metros de ancho por 30 de largo, un patio exterior descuberto de 10 x 20 metros e dúas ramplas de varada con saída ao mar.

Ao longo destes preto de cen anos construímos numerosas embarcacións de pesca, auxiliares de acuicultura, gamelas, embarcacións tradicionais, etc., sempre de xeito tradicional. Nembargante, nestes últimos 14 anos fomos incorporando novas técnicas, tanto no tratamento da madeira como no selado e pegado (pinturas e colas epoxídicas), e incorporando a combinación de distintos materiais (superestruturas de PRFV, aceiro inoxidable ou aluminio).

Outro avance cualitativo salientable foi a introdución de madeiras de orixe tropical como o elondo, iroco, teka, xatoba, etc. que levou consigo un considerable aforro no mantemento das embarcacións.

Non obstante, nós consideramos que o avance máis significativo da nosa empresa foi a “chave en man” na entrega dos barcos construídos por nos. Neste senso, pasamos a subministrar e instalar todos os equipos da embarcación tales como o motor propulsor, haladores ou maquinillas, liñas de eixes, temóns e guindastres hidráulicos, tanques de gasóleo e montaxe en xeral.

Para realizar estas tarefas dispoñemos de torno axustador, soldaduras, serra de cinta mecánica, plasma, oxicorte, taladros de mesa, prensa de latiguillos, curvadora de tubos, tupí, serras de cinta, cepilladoras, regrueso, ponte guindastre, tractor guindastre así como outros aparellos de elevación.

Tres xeracións

Datos

  • 8 traballadores
  • 1600m2 de instalacións

Traballos destacados

  • MONTEAGUIEIRO, buque auxiliar de acuicultura, construído no ano 2008, cunha eslora total de 22 metros, 6,68 metros de manga e un puntal de 2,20 metros. Está equipado con motor principal, motor auxiliar e guindastre.
  • NUEVO TRINIDAD, buque auxiliar de acuicultura, construído no ano 2008. As súas medidas son: 17,50 metros de eslora total, 5,50 metros de manga e 1.90 metros de puntal. Está equipado con motor principal, motor auxiliar e guindastre.
  • GAMBA NUMERO TRES, buque cerqueiro con base en Portonovo, construído no ano 2009. Ten 17,70 metros de eslora total, 5.20 de manga e 2,18 de puntal. Está equipado con motor principal, motor auxiliar e guindastre a popa.
  • EVANGELINA Un, restauración dun barco construído no ano 1912 de 19 metros de eslora total, 5 metros de manga e 1.75 metros de puntal, que no seu día se dedicou ao transprote de mercadorías, intentando recuperar a feitura orixinal do barco e instalándolle dous mastros para a súa navegación a vela.

Grazas por contactar con nos

6 + 11 =

Visítanos en

Paseo do Porto, 14 – 15920 Rianxo – A Coruña

Telf.: 981-86 04 57 | Fax: 981-86 07 42 | Móbil: 607-400 248

http://www.astilleroscatoira.com

ramon@astilleroscatoira.com

Pin It on Pinterest

Share This